Concello de Viveiro

Concello

O Concello de Viveiro alerta do envío de mensaxes falsas para reclamar o pago da taxa de residuos

A administración municipal advirte que se trata dun intento de fraude e lembra que ese tributo se cobra a través do recibo da auga xestionado pola empresa concesionaria Veolia.

Viveiro, 10 de xuño de 2026. O Concello de Viveiro informa á veciñanza de que se detectou o envío de mensaxes de texto falsas (SMS) por teléfono nas que se reclama o pago inmediato da taxa de residuos e nas que se inclúe unha ligazón para realizar o ingreso. Desde a administración local advírtese de que estas mensaxes son falsas e que se trata dun intento de estafa ou fraude mediante suplantación. O Concello lembra que nunca solicita o pagamento de impostos ou taxas municipais a través de ligazóns enviadas por SMS.

Así mesmo, aclárase que a taxa de residuos se cobra a través do recibo da auga, por medio da empresa concesionaria do servizo, Veolia, anteriormente Viaqua, e non mediante mensaxes de texto con enlaces de pago.

O Concello recomenda non premer en ningún caso na ligazón incluída nestes SMS nin facilitar datos bancarios ou persoais. No caso de recibir unha destas mensaxes, aconséllase borrala de inmediato e desconfiar de calquera comunicación que reclame pagos urxentes por esta vía.

Ante calquera dúbida sobre recibos, taxas ou comunicacións tributarias, o Concello de Viveiro pide á cidadanía que contacte directamente cos servizos municipais ou que consulte unicamente a sede electrónica oficial.

Desde o Concello faise un chamamento á máxima precaución e á colaboración da veciñanza para dar difusión a este aviso e evitar que máis persoas poidan verse afectadas por este intento de fraude.