Concello de Viveiro

Concello

O Concello de Viveiro colabora ao longo do ano na formación práctica de estudantes

A administración local recibe a alumnos en varios departamentos para facilitarlles unha primeira experiencia no ámbito laboral e institucional.

Viveiro, 20 de abril de 2026. O Concello de Viveiro vén colaborando ao longo do ano con varios centros educativos e entidades na formación práctica de alumnado que cursa ensinanzas regradas e formación ocupacional. Neste sentido, ofrécelles a posibilidade de desenvolver as súas prácticas en departamentos municipais.

Esta colaboración permite que os estudantes teñan un primeiro contacto co ámbito laboral dentro da administración pública, que coñezan de preto o funcionamento dos servizos municipais e participen na actividade diaria das áreas nas que se integran durante o período formativo.

Desde o Goberno local destácase a importancia de favorecer este tipo de iniciativas, que contribúen á formación do alumnado e lles permiten adquirir experiencia, coñecementos e ferramentas útiles para o seu futuro profesional. Ao mesmo tempo, esta cooperación reforza a relación do Concello con centros educativos e entidades formativas, nun marco de colaboración que resulta beneficioso para ambas partes.

O Concello de Viveiro mantén deste xeito a súa disposición a seguir participando neste tipo de programas, que facilitan a aprendizaxe práctica e achegan ao alumnado ao funcionamento real da administración, nun contexto de acompañamento e apoio ao seu proceso formativo.