Viveiro, 22 de abril de 2026. O Concello de Viveiro continúa executando obras de mellora, conservación e mantemento na piscina municipal, dando continuidade, deste xeito, ás actuacións realizadas a finais do pasado ano. O obxectivo é garantir a correcta funcionalidade, seguridade, salubridade e eficiencia das instalacións.
A piscina municipal foi rematada en 1999 e, desde a súa apertura, foi obxecto de varias intervencións de mantemento. Porén, o paso do tempo, xunto coa exposición continuada aos axentes químicos, á humidade, ás variacións térmicas e ás inclemencias meteorolóxicas, provocou un deterioro progresivo en diversos elementos da instalación.
As actuacións que se están a desenvolver nestas semanas céntranse principalmente no interior da edificación e na cuberta dos vasos da piscina, ao tratarse da zona máis afectada polas patoloxías detectadas. En concreto, os traballos consisten na reparación da cuberta, das albardillas e dos canelóns, elementos que estaban na orixe de diversas deficiencias interiores, como desprendementos de falso teito e danos nos trasdosados dos cargadeiros das ventás da zona do vaso da piscina.
Con estas intervencións, o Concello busca corrixir problemas existentes e previr o seu agravamento, así como manter en bo estado unha instalación deportiva de uso público moi importante para a veciñanza. O orzamento estimado do conxunto das obras realizadas a finais de 2025 e das que se están executando neste momento ascende a 48.324,48 euros.
