Viveiro, 29 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro continúa co proxecto formativo «Como se fai unha película?», impulsado coa colaboración da Xunta de Galicia e destinado a persoas maiores de 55 anos interesadas en descubrir o mundo do cinema e desenvolver a súa creatividade. Tras a charla inicial celebrada o luns na Sala Multiusos da casa consistorial, na que se explicou como iniciarse na creación cinematográfica con teléfonos móbiles e se propuxeron ideas para futuras curtametraxes, o Concello anima á veciñanza a inscribirse no Obradoiro de Ficción Audiovisual, que dará continuidade a esta primeira experiencia.
O obradoiro, con datas aínda por definirse, permitirá ás persoas participantes desenvolver habilidades dixitais, comunicativas e artísticas a través da creación colectiva dunha curtametraxe de ficción. Tamén poderán asumir varios roles —guionistas, intérpretes, realizadoras ou técnicas— e traballar con recursos accesibles e próximos. O proxecto culminará cunha gala de estrea pública dos traballos realizados.
As persoas interesadas poden inscribirse chamando ao teléfono 982 560 162 ou escribindo ao correo electrónico cultura@viveiro.gal. As datas e horarios da actividade determinaranse en función da dispoñibilidade das persoas inscritas, con previsión de celebrarse os martes, xoves ou venres pola tarde.
O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha experiencia creativa, participativa e transformadora, que amose que nunca é tarde para descubrir o lado máis artístico e expresivo das persoas maiores.