O Concello de Viveiro convoca o Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 5 ao 13 de febreiro e repartiranse premios e axudas económicas en categorías de adultos e infantil.

Viveiro, 31 de xaneiro de 2026. O Concello de Viveiro vén de aprobar as bases reguladoras do Concurso de Disfraces do Desfile de Entroido 2026, que se celebrará o  martes de Entroido, co obxectivo de incentivar a participación cidadá nunha das celebracións máis tradicionais e concorridas do municipio.

O concurso contará con categorías de adultos e infantil. Na categoría de adultos poderán participar carrozas, comparsas, grupos, parellas e disfraces individuais, mentres que na infantil establécense as modalidades de individual, parellas e grupos. Para os efectos destas bases, considérase carroza todo vehículo de tracción mecánica con plataforma e un mínimo de catro persoas participantes.

Poderán tomar parte no concurso persoas particulares, asociacións, entidades legalmente constituídas e grupos ocasionais, que deberán designar unha persoa representante. Cada participante poderá inscribirse unicamente nunha categoría.

O prazo de inscrición estará aberto do 5 ao 13 de febreiro de 2026, podendo realizarse tanto no rexistro municipal como a través da sede electrónica do Concello de Viveiro, achegando a documentación requirida segundo o tipo de participante.

Para optar aos premios será obrigatorio cumprir as normas do desfile, entre as que se inclúen a utilización do dorsal facilitado pola organización, o mantemento da orde de saída e das medidas de seguridade durante todo o percorrido, así como a prohibición do uso de material pirotécnico, da participación con animais e de representacións de carácter ofensivo. Ademais, será imprescindible acudir disfrazado ao acto de entrega de premios, que terá lugar ao remate do desfile.

O xurado, designado pola organización, estará composto por un mínimo de tres persoas e valorará aspectos como a creatividade e orixinalidade dos disfraces, a posta en escena, a simpatía e a graza dos participantes, así como a orixinalidade das carrozas ou plataformas. As decisións do xurado serán inapelables.

O concurso contempla premios en metálico para todas as categorías, con contías que acadan os 700 euros no caso das carrozas de adultos, así como premios especiais ao humor e á orixinalidade. Ademais, establécese unha axuda especial de ata 200 euros para cada carroza participante, sempre que estea inscrita dentro do prazo establecido.

Desde o Concello de Viveiro anímase á veciñanza a participar nun desfile que cada ano destaca pola creatividade, a implicación cidadá e o ambiente festivo que enche as rúas do municipio durante o Entroido.