Viveiro, 16 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro convocará antes do 31 de decembro un pleno extraordinario para presentar e, se procede, aprobar o Orzamento municipal de 2026. No marco deste proceso, o Goberno local xa mantivo unha primeira rolda de contactos con cada un dos grupos da Corporación municipal, aos que se lles trasladou o enfoque xeral do proxecto orzamentario. Segundo se lles informou, os Orzamentos de 2026 manteranse na liña dos exercicios anteriores (arredor de 15 millóns de euros). Neles apostarase pola estabilidade e a recuperación económica.
Durante as reunións mantidas, comunicouse que se rexistrará unha suba de 20.000 euros nas subvencións nominativas co obxectivo de reforzar o apoio ás entidades e colectivos do municipio. Desde o Concello explicouse que, a medida que se vaian pechando acordos e se avance no traballo técnico, se irán incorporando outras partidas para que o Goberno municipal leve a cabo actuacións que considera relevantes para Viveiro.
Por primeira vez en vinte anos, o equipo de Goberno busca consenso coas demais forzas. Os grupos municipais, pola súa banda, trasladaron ao equipo de Goberno comprensión respecto ás limitacións existentes na elaboración do orzamento, tendo en conta que arredor de 7 millóns de euros destínanse a gastos de persoal. Trátase dunha partida que condiciona de forma significativa a capacidade de manobra do Concello.
Polo de agora, o equipo de Goberno aínda non recibiu ningunha proposta por parte dos demais grupos políticos que conforman a corporación municipal.