O Concello de Viveiro destaca o impacto positivo do Resurrection Fest no municipio e agradece a colaboración veciñal

Viveiro, 23 de xuño de 2025. A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, participou esta mañá na presentación oficial do Resurrection Fest 2025 no propio recinto do festival, nun acto no que tamén estiveron presentes Iván Méndez, director do festival; Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, e Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo.

A rexedora quixo destacar a gran importancia que ten o Resurrection Fest para o municipio, tanto a nivel económico e social como cultural e turístico. “O Resurrection é moito máis que un festival de música para Viveiro: é un motor económico clave, un escaparate internacional e unha plataforma cultural que queremos que se siga celebrando máis alá deste vixésimo aniversario”, sinalou.

Durante a semana do festival, Viveiro recibe a decenas de miles de visitantes, o que supón unha gran inxección económica para a vila. “A hostalería e o aloxamento están ao completo, e o comercio local, tendas, bares e restaurantes ven incrementadas notablemente as súas vendas”, indicou Gueimunde. Ademais, a celebración do Resurrection Fest xera numerosos empregos, tanto directos como indirectos.

Desde o punto de vista turístico e cultural, a alcaldesa puxo en valor a proxección internacional do festival, considerado un dos eventos máis relevantes de metal, punk e hardcore en Europa, que atrae a visitantes de múltiples países. “Aporta unha identidade cultural moderna ao municipio e incentiva a diversificación do turismo máis alá do tradicional turismo de praia”, engadiu.

 

Agradecemento á veciñanza

A alcaldesa quixo tamén expresar o seu máis sincero agradecemento a todos os veciños e veciñas de Viveiro pola súa comprensión, paciencia e colaboración durante os días previos e durante a celebración do Resurrection Fest. “Somos conscientes de que o montaxe, o desenvolvemento do evento e a afluencia masiva de persoas pode xerar molestias no día a día: ruídos, tráfico ou cambios nas rutinas. Por iso, pedimos desculpas por estas incomodidades e agradecemos profundamente a implicación de todo o pobo de Viveiro”, afirmou.

 

Desde o Goberno municipal valoran o esforzo colectivo para que o Resurrection Fest siga sendo unha referencia internacional e unha fonte de dinamismo para Viveiro e para toda a comarca.