Viveiro, 5 de agosto de 2025. A Axencia Galega de Turismo e o Concello de Viveiro veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar a promoción turística do municipio e contribuír á proxección da marca Galicia a través de actividades culturais e de ocio. O acordo, cun orzamento global de 188.086 euros, inclúe unha achega autonómica de 145.000 euros destinada ao desenvolvemento dunha programación de actividades que reforcen a posición de Viveiro como destino turístico sostible, cultural e atractivo ao longo de todo o ano.
Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Galega de Turismo, presentou o convenio durante a visita que realizou esta mañá ao Concello de Viveiro. Nela foi recibido pola alcaldesa Mariña Gueimunde.
O convenio permitirá a realización de actuacións musicais e artísticas (75.599 euros), espectáculos pirotécnicos (12.100 euros), alugueiro e montaxe de escenarios e sistemas técnicos (77.198 euros), instalación de carpas (13.189 euros) e accións específicas de comunicación e difusión (10.000 euros). Estas actividades están previstas para o ano 2025.
Mariña Gueimunde destacou que «este convenio reforza a aposta estratéxica de Viveiro por un turismo baseado na nosa identidade: o patrimonio, a música, a cultura, as tradicións e a creatividade local». Ademais, engadiu que «este tipo de colaboracións son fundamentais para que concellos coma o noso poidan levar a cabo proxectos ambiciosos, dinamizar a economía local e desestacionalizar a oferta turística ao longo de todo o ano».
Este convenio consolida, ademais, unha liña de cooperación entre o Concello e a Xunta de Galicia para promover Viveiro como vila da cultura e destino de referencia no norte do país.