- É a primeira vez que o Concello de Viveiro aplica unha medida destas características
Viveiro, 16 de xuño de 2026. O Concello de Viveiro habilitará unha zona de estacionamento reservada para persoas empadroadas nas rúas Lavandeiras, Arribada e Rego da Fonte con motivo da celebración do Resurrection Fest, entre os días 1 e 4 de xullo. O obxectivo é reducir as afeccións que o elevado número de asistentes ao festival provoca habitualmente nesta contorna de Celeiro.
As persoas interesadas poderán solicitar a acreditación que lles permita facer uso desta zona de estacionamento de forma presencial no Departamento de Sancións do Concello de Viveiro os días 25 e 26 de xuño.
Para acceder a la acreditación será requisito indispensable estar empadroado ou empadroada nalgunha das rúas incluídas nesta iniciativa e figurar como titular do vehículo, xa que no pase constará a matrícula correspondente.
A acreditación permitirá estacionar na zona reservada para residentes, pero non suporá a reserva dunha praza concreta nin garantirá a existencia de espazos libres en todo momento. O obxectivo desta iniciativa é facilitar o acceso ao estacionamento á veciñanza das rúas afectadas, priorizando o seu uso fronte aos vehículos das persoas asistentes ao festival.
Trátase da primeira vez que o Concello de Viveiro pon en marcha unha medida destas características. Con ela, preténdese mellorar a xestión do estacionamento durante a celebración do Resurrection Fest e minimizar, na medida do posible, as molestias que unha iniciativa desta dimensión pode ocasionar ás persoas residentes nesta zona.
Desde o Goberno municipal sublíñase que o Resurrection Fest constitúe un acontecemento de gran relevancia para Viveiro, tanto polo seu impacto económico como pola súa proxección turística e cultural. Neste sentido, o Concello continúa traballando para compatibilizar o desenvolvemento deste importante evento co benestar e a calidade de vida da veciñanza.