-
Os traballos, que comezaron hai dous días, contan cun orzamento de preto de 800.000 euros financiado por Augas de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Viveiro.
Viveiro, 15 de maio de 2026. As obras de reforma no barrio da Xunqueira para minimizar o risco de inundacións no río Fontecova xa son unha realidade. O proxecto, que arrancou formalmente hai dous días, supón un fito decisivo para a seguridade dunha zona que sufriu as graves consecuencias das riadas no ano 2018.
A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, manifestou a súa satisfacción polo inicio duns traballos que cualificou de “prioridade absoluta” desde o primeiro día do seu mandato. Gueimunde lembrou que o proxecto estivo paralizado pola “inacción” do anterior equipo de Goberno, que non executara as expropiacións necesarias malia os requirimentos de Augas de Galicia.
“Cando chegamos ao Concello atopámonos cun expediente parado desde novembro de 2024. O anterior Goberno non fixera absolutamente nada respecto á dispoñibilidade dos terreos, poñendo en risco incluso o financiamento europeo”, explica a alcaldesa. “Nós puxémonos mans á obra de inmediato, tramitamos as expropiacións forzosas e puxemos as parcelas á disposición da Xunta para que as máquinas puideran entrar canto antes”.
A intervención conta cun investimento total de 771.505 euros, cofinanciados a tres partes por Xunta de Galicia (Augas de Galicia), a Deputación de Lugo e Concello de Viveiro. O obxectivo principal é realizar melloras estruturais que eviten que o río Fontecova volva desbordarse, garantindo a protección dos veciños e veciñas do barrio da Xunqueira.
A rexedora destacou a importancia de centrarse “no que realmente importa” para Viveiro. “Non podiamos permitir que un proxecto que afecta á seguridade das persoas seguise nun caixón. Cumprimos coa nosa palabra de desbloquear a Xunqueira e hoxe os veciños xa ven que as obras están en marcha”, concluíu.
Corte temporal
Con motivo do avance das obras na Xunqueira, o Concello de Viveiro tamén informa de que o vindeiro luns, 18 de maio, quedará cortado temporalmente o acceso polo Camiño de Fontecova por razóns de seguridade.
A medida é necesaria para executar os traballos de demolición dos muros de contención existentes e a construción dos novos no tramo 1 da actuación. O operativo contará coa correspondente sinalización e coa planificación técnica necesaria para garantir o desenvolvemento seguro das obras.
En todo momento quedará garantido o acceso peonil ás vivendas da zona para as persoas usuarias.