Concello de Viveiro

Cultura

O Concello de Viveiro impulsará a conservación do Teatro Pastor Díaz cun investimento de 200.000 euros en colaboración coa Xunta de Galicia

O convenio aprobado polo Consello da Xunta permitirá acometer actuacións de conservación e modernización nun dos principais referentes culturais da cidade entre 2026 e 2027.
Teatro Pastor Díaz

Viveiro, 7 de agosto de 2026. O Concello de Viveiro valora moi positivamente a aprobación, no Consello da Xunta celebrado o pasado 3 de agosto, da sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello para executar traballos de conservación e mantemento no Teatro Pastor Díaz, cun investimento total de 200.000 euros.

Grazas a este acordo será posible acometer unha serie de actuacións destinadas a preservar un dos espazos culturais máis emblemáticos de Viveiro, garantindo a súa conservación e mellorando as súas condicións para continuar ofrecendo unha programación cultural de calidade á veciñanza.

Os traballos permitirán actuar sobre distintos elementos do edificio para resolver as filtracións de auga na cuberta e nas fachadas, eliminar problemas de humidades, renovar sistemas de seguridade e modernizar parte das instalacións, ademais doutras actuacións de conservación e mellora previstas ao longo da execución do proxecto.

As obras desenvolveranse en dúas anualidades. Durante 2026 levaranse a cabo as actuacións máis urxentes para garantir a estanquidade do inmoble e preparar a intervención, mentres que en 2027 executarase a maior parte dos traballos, que incluirán a rehabilitación das fachadas, a mellora das instalacións eléctricas e da iluminación escénica, a renovación das portas de emerxencia e a restauración especializada dos lenzos artísticos do teatro.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou que “esta é unha magnífica noticia para Viveiro e para a cultura. O Teatro Pastor Díaz é un edificio emblemático, cun enorme valor histórico, patrimonial e social, e este investimento permitirá garantir a súa conservación e seguir ofrecendo á veciñanza unhas instalacións modernas, seguras e á altura da intensa actividade cultural que acolle ao longo de todo o ano”.

A rexedora agradeceu tamén a colaboración da Xunta de Galicia para facer posible esta actuación. “A cooperación entre administracións é fundamental para sacar adiante proxectos desta envergadura. Este convenio supón un paso importante para preservar un dos espazos culturais máis queridos polos viveirenses e continuar fortalecendo a oferta cultural do noso municipio”, sinalou.

O Teatro Pastor Díaz constitúe desde hai décadas un dos principais referentes culturais de Viveiro, acollendo representacións teatrais, concertos, proxeccións, actos institucionais e numerosas actividades ao longo do ano. Con esta intervención, o Concello de Viveiro reafirma o seu compromiso coa conservación do patrimonio municipal e coa mellora continua das infraestruturas culturais ao servizo da cidadanía.