O Concello de Viveiro informa da aprobación definitiva da Fase I do proxecto de restauración das dunas de Covas

A primeira fase inclúe as actuacións de recuperación ambiental do sistema dunar, que serán as primeiras en executarse.
  • A segunda fase abordará posteriormente a execución dos accesos á praia

Viveiro, 30 de xaneiro de 2026. O Concello de Viveiro informa de que vén de publicarse no Boletín Oficial do Estado o anuncio da aprobación definitiva da Fase I do proxecto de restauración ambiental da praia de Covas, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Servizo Provincial de Costas en Lugo. Esta aprobación chega despois do proceso de información pública realizado nos últimos meses, no que a cidadanía puido consultar a documentación e presentar alegacións.

O proxecto foi dividido en dúas fases co obxectivo de organizar mellor as actuacións e compatibilizar as obras co uso habitual da praia. A Fase I, que acaba de ser aprobada de forma definitiva, céntrase na recuperación ambiental do sistema dunar, un espazo natural de gran valor ecolóxico para o municipio.

Nesta primeira etapa levaranse a cabo actuacións como a eliminación de especies vexetais invasoras, a plantación de especies autóctonas propias do ecosistema dunar e outras medidas destinadas a mellorar a estabilidade das dunas e favorecer a súa rexeneración natural. Estes serán os primeiros traballos que se executen dentro do proxecto global de restauración da praia de Covas.

Para unha segunda fase do proxecto quedará pendente a parte referida á execución dos accesos á praia, que se abordará posteriormente, unha vez rematadas as actuacións ambientais iniciais. Deste xeito, búscase garantir primeiro a protección e recuperación do entorno natural, ao tempo que se planifican melloras na accesibilidade de forma ordenada e sostible.