O Concello de Viveiro inicia o proceso para regular o uso dos espazos municipais e crear un rexistro actualizado

Viveiro, 7 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro vén de iniciar un proceso de regularización das cesións de uso de espazos de titularidade municipal cos obxectivos de contar cun rexistro actualizado e elaborar unha ordenanza que regule o seu uso e desfrute. A información recibida servirá para crear o rexistro das cesións e avanzar cara á regularización administrativa do uso dos espazos municipais.

Actualmente, o Concello non dispón dunha normativa xeral nin dun rexistro unificado sobre as cesións destes bens públicos, o que dificulta coñecer que entidades utilizan algúns locais, en que condicións e durante que períodos de tempo.

Por este motivo, dítase un bando polo que se informa de que todas as asociacións ou entidades que estean a facer uso continuado dalgún espazo municipal deben enviar un correo electrónico ao enderezo nmd.secretaria@viveiro.es antes do 30 de xuño de 2025 no que se indique:

  • Nome da asociación.
  • Nome e apelidos do/a presidente/a.
  • Teléfono e correo electrónico de contacto.
  • Espazo utilizado, con detalle do horario, actividades realizadas e período de cesión.

De dispor dalgún documento acreditativo da cesión, deberá achegarse tamén unha copia no mesmo correo.