Viveiro, 29 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro publicará mañá no taboleiro municipal o anuncio para iniciar o trámite de exposición pública do proxecto «Eliminación de especies exóticas, restauración con autóctonas e restauración ambiental do sistema dunar da praia de Covas», promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Servizo Provincial de Costas en Lugo.
O proxecto ten como obxectivo mellorar o estado ecolóxico do areal mediante actuacións de recuperación integral do sistema natural. As medidas inclúen a eliminación de especies invasoras, a plantación de especies autóctonas e varias accións de restauración ambiental para reforzar a estabilidade das dunas e a recuperación do ecosistema da praia de Covas. O documento estará dispoñible para consulta durante un prazo de vinte días hábiles contados dende o seguinte á súa publicación no Boletín Oficial do Estado, que se produciu hoxe.
Dende o anuncio publicado no Boletín Oficial do Estado inclúese unha ligazón á páxina web do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico —https://www.miteco.gob.es/es/costas/participacion-publica/27-pro-27-0413.html—. Nel pódese consultar o proxecto completo, que conta cun orzamento base de licitación de 1.655.116,93 euros.
Durante o período de exposición pública, a documentación poderá consultarse nas dependencias do Concello de Viveiro, así como nas oficinas do Servizo Provincial de Costas en Lugo e Foz, ou a través da citada páxina web. Calquera persoa ou entidade poderá presentar as alegacións que considere oportunas dentro do prazo establecido.