Viveiro, 2 de outubro de 2026. O Concello de Viveiro lembra á veciñanza a necesidade de manter limpas e rozadas as parcelas e terreos, especialmente nas zonas próximas a vivendas e núcleos habitados, ante a ampliación da época de perigo alto de incendios forestais en Galicia.
A Dirección Xeral de Defensa do Monte ampliou este período ata o 15 de outubro de 2026, debido ás condicións meteorolóxicas actuais. Inicialmente, a época de perigo alto estaba establecida entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
O Concello pide ás persoas propietarias que aínda non realizaron os traballos de limpeza que procedan ao mantemento das súas parcelas e retiren a vexetación que poida favorecer a propagación do lume, prestando especial atención aos terreos situados preto de vivendas e núcleos habitados.
A limpeza e o mantemento das parcelas son medidas de prevención importantes durante os períodos de maior risco, polo que estes traballos deben realizarse sempre que sexa necesario e non limitarse exclusivamente aos meses de verán.
A ampliación da época de perigo alto foi establecida mediante a Resolución do 22 de setembro de 2026 da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que fixa a prolongación do período inicialmente previsto ata o 15 de outubro.