Concello de Viveiro

Concello

O Concello de Viveiro pide que non se acceda ao Paseo do Río Landro mentres duren as obras por motivos de seguridade

O acceso á zona afectada permanece prohibido para garantir a seguridade das persoas durante a execución dos traballos de acondicionamento da senda.

Viveiro, 3 de agosto de 2026. O Concello de Viveiro solicita á veciñanza e ás persoas visitantes que non accedan ao tramo do Paseo do Río Landro afectado polas obras de acondicionamento da senda, co fin de garantir a seguridade de todas as persoas mentres se desenvolven os traballos.

Segundo trasladou o Servizo Provincial de Costas en Lugo, responsable da actuación, nas últimas semanas detectáronse numerosos accesos ao interior da zona de obras por parte de persoas que continúan o seu percorrido a pesar de que o tramo permanece pechado, valado e debidamente sinalizado.

O Concello lembra que estas restricións responden exclusivamente a criterios de seguridade, xa que a presenza de persoas alleas á obra pode supoñer un risco tanto para a súa integridade física como para o correcto desenvolvemento dos traballos.

Por este motivo, faise un chamamento á responsabilidade cidadá para que se respecte a sinalización instalada e non se manipulen os elementos de peche, evitando acceder ao recinto mentres duren as obras.

O Concello de Viveiro agradece a colaboración e lembra que o cumprimento destas medidas é fundamental para previr posibles incidentes e permitir que a actuación poida executarse con todas as garantías.