O Concello de Viveiro, presente nun encontro internacional sobre a Semana Santa en Portugal

  • A alcaldesa Mariña Gueimunde e os concelleiros Saray Ventura e Vicente Vázquez participan no acto que se celebra en Ovar e Santa María da Feira, ao que tamén asiste Pepe Veiga, presidente da Xunta de Cofradías de Semana Santa de Viveiro.

Viveiro, 9 de outubro de 2025. O Concello de Viveiro participa no encontro internacional sobre a Semana Santa organizado por Holy Week Conference, que se desenvolve entre as localidades portuguesas de Ovar e Santa María da Feira. A iniciativa reúne a representantes institucionais, investigadores e expertos de varios países europeos.

A delegación viveirense está composta pola alcaldesa Mariña Gueimunde e Pepe Veiga, presidente da Xunta de Cofradías de Semana Santa de Viveiro.

O encontro, que se celebra baixo o lema «Identidade, Patrimonio Cultural e Turismo», inclúe conferencias, mesas redondas e comunicacións temáticas centradas na posta en valor das celebracións relixiosas como parte do patrimonio cultural e da identidade das comunidades locais.

A xornada inaugural de onte, celebrada na Escola de Artes e Oficios de Ovar,  comezou coa conferencia «Identidade e circunstancia. Consideracións baseadas en algunhas festas relixiosas», a cargo de Jean-Yves Durand (Universidade do Minho), e desenvolveranse actuacións musicais e un recital de agrupacións portuguesas.

O programa continuará hoxe con sesións sobre patrimonio cultural, identidade e turismo, coa participación de expertos e representantes institucionais de Portugal, España, Polonia, Eslovenia e Croacia.

Mariña Gueimunde destacou que «esta participación é unha mostra do noso compromiso coa preservación e proxección internacional da Semana Santa de Viveiro, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e elemento clave da nosa identidade colectiva».

A alcaldesa engadiu que «Viveiro comparte con outras cidades europeas unha tradición viva que é ao mesmo tempo fe, cultura e patrimonio, e encontros como este serven para fortalecer esas alianzas e seguir aprendendo uns dos outros».

O evento pecharase mañá cunha mesa redonda sobre o papel do turismo na conservación das tradicións locais. Terá lugar na Biblioteca Municipal de Santa Maria da Feira. Despois, realizarase unha visita guiada pola cidade antes do xantar de clausura.