Viveiro, 24 de xuño de 2025. A Xunta de Galicia vén de conceder unha subvención ao Concello de Viveiro para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 14 de febreiro de 2025.
Esta axuda, concedida pola Secretaría Xeral da Lingua a través da Resolución do 10 de xuño de 2025, permitirá financiar parte do proxecto “Ruada de Contos 2025”, unha iniciativa que incluirá catro actividades de contacontos na rúa, previstas para o mes de setembro.
O proxecto ten un custe total de 4.500 euros, dos cales:
- A Xunta de Galicia aporta 2.567,50€ mediante esta subvención,
- Mentres que o Concello de Viveiro realizará unha achega de 1.932,50€.
Desde o Concello de Viveiro destacamos a importancia deste tipo de iniciativas que contribúen a dinamizar culturalmente os espazos públicos, ao tempo que fomentan o uso e prestixio do galego entre os máis pequenos e as súas familias.
A alcaldesa, María Gueimunde, agradeceu á Xunta de Galicia o apoio económico para desenvolver este proxecto, “que reforza o compromiso do noso concello coa promoción da lingua galega como ferramenta de cohesión e identidade cultural”.