O Concello de Viveiro reforza as normas de circulación para patinetes eléctricos co obxectivo de garantir a seguridade viaria

Viveiro, 24 de xullo de 2025. O Concello de Viveiro vén de emitir un bando para lembrar á veciñanza a prohibición de circular con patinetes eléctricos por zonas peonís, beirarrúas, paseos marítimos, o casco histórico e travesías do municipio, en cumprimento da normativa estatal de tráfico e seguridade viaria.

A alcaldesa, María del Carmen Gueimunde, sinala que “ante a cantidade de patinetes eléctricos que circulan a diario polo casco histórico e a gran velocidade, vémonos na obriga de reforzar esta mensaxe para garantir a seguridade de peóns e viandantes e preservar o uso dos espazos públicos destinados a eles”.

Lémbrase que esta medida se basea en diversas disposicións legais, entre elas:

  • O artigo 25.5 do Real Decreto 6/2015, que prohibe expresamente a circulación destes vehículos por beirarrúas.
  • O artigo 38.4 do Regulamento Xeral de Circulación, que prohibe circular con patinetes por travesías, vías interurbanas, túneles urbanos, autopistas e autovías dentro do poboado.
  • O artigo 76 do mesmo Real Decreto, que considera infracción grave o incumprimento destas normas, sancionable con multas de 200 euros, segundo o artigo 80.

A rexedora apela á responsabilidade individual por parte de todas e todos e engade que “ incumprimento desta normativa será considerado infracción grave e poderá conlevar sancións económicas de ata 200 euros”.

Dende o Concello de Viveiro faise un chamamento ao cumprimento estrito destas normas, lembrando que o seu obxectivo é protexer a integridade das persoas e manter unha convivencia segura e ordenada nos espazos comúns.