Viveiro, 6 de febreiro de 2025. O Concello de Viveiro recuperará este ano o Pregón do Entroido, unha tradición que formou parte da historia desta celebración no municipio. Nesta edición, será o acto de inicio da programación e terá lugar no Teatro Pastor Díaz. Deste xeito, Perfecto Parapar Trasancos será o encargado de inaugurar o Entroido 2026 o xoves 12 de febreiro ás oito da tarde.
Perfecto Parapar Trasancos é un veciño de Viveiro moi vinculado ao Entroido e que mantivo unha relación continuada con esta festa durante os anos. Deste xeito, o Pregón porá o foco no recoñecemento da participación e do compromiso persoal coa tradición popular do Concello.
O Entroido de Viveiro conta cunha tradición moi arraigada e, historicamente, desenvolveuse con diferentes formas de participación. Nas parroquias celebrábase o entroido do rural, en lugares como Landrove, Galdo, Valcarría, Magazos e San Pedro. No ámbito urbano, a festa combinaba actos en casinos e salóns de baile con celebracións na rúa, nas que se incluían datas e costumes como os Xoves de Comadres e Compadres, o Domingo de Entroido, o Martes de Entroido ou Martes Gordo e o Enterro da Sardiña, co que tradicionalmente se pechaban as celebracións. Nalgúns períodos tamén se organizou o Domingo de Piñata, previo á Coresma.
Ao longo das décadas tiveron presenza as comparsas e tamén as murgas, con acompañamento musical e coplas de carácter satírico e de crítica social e política. Nos anos 60, un grupo de veciños impulsou a festa na rúa mediante comparsas organizadas baixo fórmulas que permitiron manter viva a tradición, e esta continuidade prolongouse nas décadas seguintes.
Na actualidade, o Entroido de Viveiro conserva elementos que forman parte da súa identidade, como o Enterro da Sardiña, no que os participantes se atavían con sabas brancas, e as Alpuxarradas, que se celebran no Teatro Pastor Díaz. Ao longo destes anos tamén se mantiveron ou destacaron diferentes comparsas e persoas vencelladas á festa, que contribuíron a sostela no tempo.
O Concello de Viveiro quere agradecer de xeito expreso ás comparsas, aos grupos e ás persoas que, a título particular, manteñen vivo o espírito do Entroido ano tras ano. Grazas ao seu traballo e implicación, a sátira e a crítica social seguen formando parte dunha celebración que se entende, sobre todo, desde o humor e desde a participación da veciñanza.