- Nove artistas protagonizarán os concertos que se darán no Parque Pernas Peón de Covas.
Viveiro, 17 de xullo de 2025. O Parque Pernas Peón de Covas será escenario o sábado 19 de xullo dunha nova edición do festival de música electrónica «ETHER». O evento reunirá a nove artistas destacados do panorama nacional e internacional como Deetron Presents Soulmate, DJ Swisherman, Elba, Luxi Villar, Pergo, Isma B, Karras Martínez, Irene Castro e Muiños.
O festival completarase coa programación gratuíta «ETHER X HAPP!», que se desenvolverá os días 17 e 18 de xullo e incluirá actividades musicais, culturais e de sensibilización ambiental. A proposta busca ampliar o impacto do festival, promovendo a participación interxeneracional e reforzando a súa presenza na axenda cultural e lúdica de Viveiro.
Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, subliñou que «para Viveiro é un orgullo que xente nova e emprendedora aposte por desenvolver estes actos culturais e que nos convertan outra vez no epicentro da música. Desde o Concello estamos moi orgullosos deles e do impacto positivo que supón para o noso Concello; por iso poñemos á súa disposición os nosos recursos».
A rexedora fixo fincapé en que «Viveiro ten talento, músicos, e xente que, con determinación, esforzo e ilusión, plantou unha semente que medra de xeito exponencial e que, no caso do ETHER, lévanos máis alá das nosas fronteiras. É un festival consolidado de música electrónica que en cada edición conta con artistas máis relevantes».