O Goberno de Mariña Gueimunde insta á veciñanza a participar na Comida de Maiores do 18 de abril

Celebrarase no Val de Naseiro e os interesados poden mercar as invitacións entre o 26 de marzo e o 15 de abril.

Viveiro, 25 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro celebrará o vindeiro sábado 18 de abril a Comida do Maior, unha cita pensada para compartir mesa, lembranzas e convivencia nun ambiente festivo. Terá lugar no Val do Naseiro. O Goberno de Mariña Gueimunde insta á veciñanza a participar na iniciativa.

A xornada está concibida como un espazo de encontro para reforzar lazos e vivir un día especial arredor dunha comida pensada para xuntar á veciñanza e ás súas familias. O menú estará composto por callos como primeiro prato e costela de porco asada ao estilo da avoa Adelina como segundo, con viño branco e tinto da casa, cervexa, refrescos e auga, ademais de tarta xeada e café de sobremesa.

A cita contará tamén con música, baile e ambiente festivo, nun formato pensado para que os asistentes poidan gozar dunha xornada completa de celebración e compañía nun dos espazos máis representativos do municipio.

Co obxectivo de beneficiar aos veciños e veciñas do municipio, o prezo será de 10 euros para as persoas empadroadas e de 30 euros para as non empadroadas. As invitacións poderán retirarse na conserxería do Concello de Viveiro desde o 26 de marzo ata o mércores 15 de abril, ambos días incluídos, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.