Viveiro, 30 de outubro de 2026. O Concello de Viveiro informa de que, con motivo da celebración do Día de Defuntos e ante a previsión dunha maior afluencia de persoas ao cemiterio municipal de Altamira, establecerase un cambio temporal no sentido do tráfico na estrada das Nogueiras para facilitar a circulación e mellorar a seguridade viaria.
A medida estará vixente desde o venres 30 de outubro ata o luns 2 de novembro, ambos incluídos, período no que se establecerá un sentido único de circulación na estrada das Nogueiras, en dirección cemiterio de Altamira–San Lázaro.
Esta modificación afectará tamén aos vehículos procedentes de San Roque, coa excepción daqueles que, polas súas dimensións, non poidan realizar as manobras necesarias, como autobuses ou camións. Así mesmo, incluirá o tramo da rúa Antonio Bas desde a ponte de FEVE.
O obxectivo desta medida é ordenar o tráfico e xestionar o incremento de vehículos previsto nas inmediacións do cemiterio, favorecendo unha circulación máis fluída e segura para condutores e peóns.
O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e solicita que se respecte a sinalización provisional e as indicacións da Policía Local durante estes días.