Os Bolechas chegan a Viveiro o domingo 16 de novembro co espectáculo «A muller orquestra»

A función terá lugar ás seis da tarde no Teatro Pastor Díaz.

Viveiro, 8 de novembro de 2025. O Teatro Pastor Díaz de Viveiro acollerá o domingo 16 de novembro, ás 18.00 horas, o espectáculo «A muller orquestra», protagonizado polos personaxes de Os Bolechas. A actividade enmárcase no programa FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e está orientada a público familiar. A entrada será de balde ata completar aforo.

As persoas interesadas en asistir poden reservar as súas entradas de luns a xoves, no teléfono 982 560 162, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.gal . Ademais, será posible recoller entradas na taquilla do teatro unha hora antes do comezo da función.

«A muller orquestra» combina humor, música e participación do público para transmitir valores como a igualdade e o traballo en equipo, e o fomento do uso do galego entre as novas xeracións.