Viveiro, 30 de xuño de 2025. O Concello de Viveiro fixo un balance moi positivo da vixésima edición do Resurrection Fest, que se celebrou entre o 26 e o 29 de xuño en Lavandeiras e volveu converter a vila nun referente mundial para os amantes do metal, o punk e o hardcore. O festival contou coa asistencia de 141.376 persoas (unha media de máis de 30.000 persoas cada día), o que supón un novo récord. O público chegou, ademais doutros puntos de Galicia e España, desde máis de 50 países.
A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou que «o Resurrection Fest é un evento estratéxico para Viveiro tanto pola súa capacidade de atracción internacional como polo seu impacto directo na economía local». Segundo explicou, os establecementos de hostalaría e comercio «traballaron a pleno rendemento, e as prazas hoteleiras e vivendas turísticas estiveron completamente ocupadas, non só na vila senón tamén nos concellos da contorna». O impacto económico estimado da edición deste ano é duns 20 millóns de euros.
Gueimunde puxo en valor tamén a boa coordinación dos servizos implicados, que permitiu que o festival se desenvolvese sen incidencias destacables: «Queremos agradecer o labor dos corpos de seguridade, servizos sanitarios e do persoal municipal, así como a profesionalidade da organización do evento, que, unha vez máis, demostrou a súa capacidade para xestionar unha iniciativa desta magnitude».
A rexedora lembrou que o Resurrection Fest «é xa parte da identidade de Viveiro, e unha das nosas principais fiestras ao mundo, que nos permite mostrar o mellor da nosa vila, da nosa paisaxe e da nosa xente». En canto á edición de 2026, terá lugar a primeira semana de xullo. Os vindeiros días, os organizadores empezarán a anunciar as bandas que participarán o ano que vén.