Concello de Viveiro

Urbanismo

Rematan as obras de mellora das infraestruturas do parque empresarial de Landrove

As actuacións inclúen a renovación de pavimentos, melloras na sinalización viaria, na drenaxe e nos elementos de seguridade do recinto empresarial.

Viveiro, 4 de novembro de 2026. O Concello de Viveiro informa de que xa foron recepcionadas as obras de mellora das infraestruturas do parque empresarial de Landrove, unha vez rematados os traballos previstos neste espazo empresarial do municipio.

A actuación enmárcase na liña de axudas da Xunta de Galicia para a habilitación e mellora de infraestruturas en parques empresariais, a través da Consellería de Economía e Industria, e conta cun orzamento subvencionable de 118.308,20 euros.

O proxecto abrangue actuacións destinadas ao acondicionamento dos accesos e á conservación das infraestruturas comúns do recinto, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación, accesibilidade e seguridade.

Entre os traballos realizados figura a reparación e renovación do firme de dous viais de acceso, mediante a aplicación de aglomerado asfáltico nun deles e a execución dun pavimento de formigón no outro. A intervención sobre estes accesos abrangue unha lonxitude aproximada de 332 metros.

As actuacións inclúen tamén a renovación da sinalización horizontal e vertical, a reparación do pavimento podotáctil nos pasos de peóns e a mellora da evacuación das augas pluviais mediante a ampliación da rede de sumidoiros e a colocación de elementos de drenaxe.

Ademais, o proxecto contempla a reposición e sinalización de elementos de protección contra incendios, así como a colocación de sistemas de suxeición para os colectores de residuos.

Os traballos desenvolvéronse no ámbito do parque empresarial de Landrove, situado nas parroquias de Landrove e Galdo, e contaron con financiamento da Xunta de Galicia, no marco das axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques empresariais galegos.