O Concello de Viveiro vén de facer públicas as bases de participación da XLII Feira de Artesanía de Viveiro, unha cita xa consolidada no calendario estival que se celebrará entre o 7 e o 16 de agosto de 2026 nos Xardíns Noriega Varela.
A inauguración terá lugar o venres 7 de agosto ás 17:30 horas, mentres que a clausura será o domingo 16 ás 22:00 horas. Durante eses días, o público poderá visitar os diferentes stands en horario de mañá (de 11:00 a 14:30 horas) e de tarde (de 17:30 a 22:00 horas).
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de maio de 2026, debendo remitirse toda a documentación ao correo electrónico [email protected], indicando no asunto “Solicitude feira 2026”. Entre os requisitos, destacan a acreditación como artesán, a presentación dun dossier do proceso produtivo e imaxes dos produtos, así como o cumprimento das condicións establecidas pola organización.
A feira contará con dous formatos de participación: o stand tradicional e o stand efémero, este último pensado para dar cabida a propostas innovadoras e rotatorias ao longo dos días do evento. A selección dos participantes comunicarase o 20 de maio, atendendo a criterios como a calidade, a orixinalidade, a sustentabilidade dos produtos e a diversidade de disciplinas artesanais.
Como en edicións anteriores, manterase a aposta pola dinamización do evento mediante actividades en directo e talleres demostrativos, que contribúen a enriquecer a experiencia do público e a potenciar as vendas dos expositores.
Ademais, concederanse dous premios económicos: un de 200 euros á mellor presentación de stand e outro de 100 euros á mellor peza, valorando aspectos como a innovación, a creatividade ou o carácter sostible.
Desde a organización, integrada polo Concello de Viveiro e a Asociación PROA, anímase a todos os profesionais do sector a participar nesta feira, que continúa a medrar ano tras ano co obxectivo de consolidarse como un referente a nivel nacional.
Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico [email protected]