Concello de Viveiro

Concello

Viveiro celebrará o 24 de outubro a primeira xornada de tute e xogos de mesa

As inscricións para participar no torneo de tute por parellas estarán abertas do 13 ao 19 de outubro na conserxería do Concello. O resto das actividades serán de acceso libre e non precisarán inscrición.

Viveiro, 9 de outubro de 2026. O Concello de Viveiro celebrará o vindeiro sábado 24 de outubro a primeira xornada de tute e xogos de mesa, unha actividade que se incorpora á programación de lecer dirixida especialmente ás persoas maiores, aínda que aberta á participación de toda a cidadanía.

A xornada terá lugar no salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro, o mesmo espazo no que se celebran os bailes de tarde. A sala abrirá ás 17:00 horas e contará cun torneo de tute por parellas, ademais dun espazo para gozar doutros xogos de mesa, como o parchís.

As persoas interesadas en participar no torneo de tute deberán inscribirse por parellas do 13 ao 19 de outubro, en horario de mañá, ben presencialmente na conserxería do Concello de Viveiro ou ben chamando ao teléfono 982 560 128. Inicialmente, non se establece un límite de participantes.

Antes da celebración da primeira xornada, colocarase na porta de acceso ao salón de actos do Conservatorio de Música de Viveiro, onde terá lugar a actividade, un cartel coa organización das parellas participantes no torneo de tute, para que as persoas inscritas poidan consultar previamente a distribución das partidas.

Pola súa banda, quen desexe acudir para xogar libremente ao tute, ao parchís ou a outros xogos de mesa poderá facelo sen necesidade de inscrición previa.

Esta primeira xornada forma parte da programación anunciada con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que contempla a celebración de encontros mensuais durante a tempada de bailes de tarde, de outubro a marzo.