Viveiro, 19 de novembro de 2026. O Concello de Viveiro prepara dúas propostas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller: unha andaina organizada xunto a Bumei Galicia e unha xornada de actividades na Pista Violeta, coa participación de entidades educativas e deportivas do municipio.
A primeira cita será o sábado 21 de novembro, coa Andaina contra a Violencia de Xénero: Ruta dos Bancos Violetas, organizada por Bumei Galicia e o Concello de Viveiro.
A actividade contará cun percorrido de 10 quilómetros, baixo o lema «Xuntas e xuntos somos máis fortes». A saída será ás 9:30 horas desde o Banco Violeta, situado no paseo marítimo da Variante, e a andaina finalizará no paseo marítimo de Covas, na zona dos Castelos.
Ao remate do percorrido, ofreceranse uns petiscos ás persoas participantes.
O mércores 25 de novembro, a Pista Violeta, situada xunto ao Banco Violeta no paseo marítimo da Variante, acollerá unha xornada de actividades entre as 16:00 e as 17:30 horas.
O programa incluirá a lectura do manifesto institucional do 25N e unha actuación musical de School of Rock, un grupo formado por alumnas do CEP Lois Tobío.
Tamén participarán as xogadoras do Viveiro Club Baloncesto e as deportistas do Club Ximnasia Viveiro, que realizarán os seus adestramentos neste espazo durante a xornada.
En caso de choiva, as actividades do 25 de novembro trasladaranse ao Pavillón Municipal.
O Concello anima a veciñanza a participar nas dúas convocatorias e a sumarse á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.