Viveiro gaña capacidade de xestión sobre vías de carácter local tras a formalización dunha nova transferencia da Xunta de Galicia

O Concello incorpora á súa titularidade o treito inicial da LU-540 e dous treitos da LU-862.

Viveiro, 18 de marzo de 2026. O Concello de Viveiro formalizou a incorporación ao patrimonio municipal de varios treitos de estrada transferidos pola Xunta de Galicia, un acordo que permitirá a xestión directa desde o ámbito local. A acta de entrega recolle o cambio de titularidade a favor do Concello do treito inicial da LU-540, coñecido como «Travesía da Mariña», así como de dous treitos antigos da LU-862 situados en Escourido e Sacido, na parroquia de San Xoán de Covas.

A transferencia foi aprobada mediante o Decreto 18/2026, do 2 de marzo, publicado no DOG do 12 de marzo, despois da solicitude realizada polo propio Concello de Viveiro á Axencia Galega de Infraestruturas. Na documentación asinada sinálase que os dous treitos da LU-862 son sobrantes, resultantes da modificación do trazado e que carecen de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia. Esta circunstancia xustifica o cambio de titularidade.

Deste xeito, o Concello pasa a asumir a titularidade dun treito de 585 metros da LU-540, entre os puntos quilométricos 0+000 e 0+580, así como dun treito antigo de 295 metros da LU-862 en Escourido e doutro de 269 metros en Sacido. No caso destes dous últimos, a transferencia inclúe tamén o dominio público viario, cunha superficie de 3.151 metros cadrados en Escourido e 3.010 metros cadrados en Sacido.

Coa sinatura da acta, o Concello de Viveiro incorpora á rede municipal estes treitos viarios, co que pode avanzar na adaptación da titularidade das infraestruturas á realidade actual do municipio e na xestión máis próxima daqueles espazos que forman parte da vida cotiá da veciñanza.