Viveiro, 18 de maio de 2026. O Concello de Viveiro inaugura este martes a exposición “Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia”, unha mostra que poderá visitarse nos xardíns de Noriega Varela ata o próximo 9 de xuño e que achega ao público a historia e evolución das orquestras de verbena galegas ao longo do último século.
O acto contará coa participación da alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo; da concelleira de Cultura, Muller, Igualdade e Xuventude, Saray Ventura Fernández; da directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, Verónica Santos Farto; e da comisaria bibliográfica da exposición, Elena Díaz del Río López, encargada posteriormente de guiar ás persoas asistentes polo percorrido expositivo.
A exposición, organizada pola Biblioteca de Galicia e comisariada por Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira, realiza un percorrido pola evolución das orquestras galegas desde as primeiras bandas de música e jazz bands das primeiras décadas do século XX ata os actuais espectáculos audiovisuais que continúan enchendo festas e verbenas por toda Galicia e tamén fóra dela.
A través de programas de festas, fotografías, carteis, discos de vinilo, casetes e outros materiais pertencentes aos fondos da Biblioteca de Galicia, a mostra amosa como a emigración, os intercambios culturais e a evolución musical foron transformando as verbenas galegas sen perder a súa esencia popular e comunitaria.
Desde o Concello de Viveiro animan á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse durante estas semanas aos xardíns de Noriega Varela para descubrir unha exposición que nos leva de volta á memoria compartida das festas, da música e dos encontros, poñendo en valor unha parte fundamental da nosa identidade e da emoción colectiva de varias xeracións.