Concello de Viveiro

ConcelloDeportes

Viveiro informa das restricións de tráfico previstas para os días 17 e 18 de outubro con motivo da Milla Internacional do Cantábrico

O dispositivo inclúe prohibicións de estacionamento, cortes de circulación e itinerarios alternativos para facilitar os desprazamentos durante as probas deportivas.

Viveiro, 15 de outubro de 2026. O Concello de Viveiro informa das medidas de regulación do tráfico que se aplicarán durante a fin de semana do 17 e 18 de outubro, con motivo da celebración da I Milla Internacional do Cantábrico.

Segundo recolle o bando municipal, quedará prohibido estacionar na Travesía da Mariña, en ambas as marxes, desde as 10:00 horas do sábado 17 ata as 14:00 horas do domingo 18 de outubro.

O sábado 17, a circulación pola Travesía da Mariña permanecerá cortada entre as 14:00 e as 21:00 horas.

O domingo 18 produciranse cortes puntuais na Travesía da Mariña, na Variante e na Ponte da Misericordia. Ademais, o tramo da LU-862 comprendido entre a glorieta da Oficina de Turismo e a gasolineira de Celeiro permanecerá cortado durante a celebración da carreira. Como alternativa para os desprazamentos entre Viveiro e Celeiro, en ambos os sentidos, poderá utilizarse a estrada LU-102, polo Pirixel.

En Celeiro tamén se producirán cortes puntuais ao paso da proba, no itinerario que vai desde a depuradora, pasando por diante da Consellería do Mar e pola Rúa do Porto, ata o Muelle Norte ou Muelle Vello.

Para facilitar a circulación, durante toda a fin de semana habilitarase un paso de dobre sentido por Rego das Frores, regulado mediante sinalización semafórica.

En canto aos garaxes situados na Travesía da Mariña, o acceso estará restrinxido o sábado 17, entre as 16:00 e as 20:00 horas, e o domingo 18, entre as 10:30 e as 12:00 horas.

O Concello recomenda á veciñanza e ás persoas que teñan previsto circular pola zona que teñan en conta estas restricións, planifiquen os seus desprazamentos e respecten a sinalización establecida.