Viveiro inicia mañá un ciclo de charlas sobre educación e benestar infantil

A primeira conferencia pronunciarase mañá ás seis da tarde na sala multiusos da Casa do Concello.

Viveiro, 9 de decembro de 2025. O Concello de Viveiro porá en marcha mañá, ás seis da tarde, un novo ciclo de charlas para familias. A programación, de carácter  anual, está orientada a ofrecer ferramentas e información práctica sobre educación, convivencia e benestar da mocidade. Os encontros celebraranse na sala multiusos da Casa do Concello e a entrada será gratuíta ata completar aforo.

A primeira charla, titulada «Tecnoloxía e rapazada. Riscos, límites e uso responsable», será impartida por Ramón Peña, especialista en formación sobre seguridade dixital. No acto participarán Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, e o director do Centro de Formación e Recursos de Lugo.

Mariña Gueimunde subliñou a importancia desta iniciativa: «As familias enfróntanse cada día a novos retos: o uso das pantallas, a convivencia, a saúde emocional ou as dinámicas sociais da infancia e da adolescencia. Con este ciclo, queremos ofrecer apoio, información e acompañamento profesional nun espazo de confianza e diálogo».

O programa continuará entre xaneiro e maio con sesións sobre ciberacoso, límites educativos, puberdade e prevención de adiccións. As charlas serán impartidas por profesionais de referencia en cada ámbito.