Concello de Viveiro

Deputación

Viveiro organizará unha xornada divulgativa sobre a eclipse de sol do 12 de agosto

A alcaldesa Mariña Gueimunde presidirá a actividade que se desenvolverá o luns 29 de xuño e que contará coa intervención da astrofísica Lucía González Cuesta.

Viveiro, 24 de xuño de 2026. Mariña Gueimunde, alcaldesa de Viveiro, presidirá o luns 29 de xuño unha xornada divulgativa sobre a eclipse total de sol que terá lugar o 12 de agosto. A actividade, impulsada pola Deputación de Lugo, celebrarase ás 19.30 horas no Multiusos e contará coa intervención de Lucía González Cuesta, doutora en Astrofísica e divulgadora científica. A entrada será libre ata que se complete o aforo.

O Goberno municipal apostou por que Viveiro formase parte desta programación divulgativa e facilitou a celebración da sesión no municipio, ante o interese científico, social e turístico dun fenómeno que situará á provincia de Lugo entre os territorios máis destacados para a observación da eclipse.

A alcaldesa Mariña Gueimunde mantén un especial interese por esta cuestión e por que a veciñanza coñeza con antelación o significado e as particularidades da eclipse, así como as medidas preventivas necesarias para observala con seguridade.

Durante a charla, Lucía González Cuesta explicará as características da eclipse, a súa relevancia científica e as recomendacións que se deben seguir para contemplala de forma segura. A sesión permitirá achegar información práctica á veciñanza antes dunha cita astronómica excepcional.

O Concello considera importante que Viveiro e o conxunto da Mariña estean preparados para un acontecemento que pode atraer persoas afeccionadas á astronomía e visitantes.