Concello de Viveiro

Medio Ambiente

Viveiro reforza no Día Mundial do Medio Ambiente a concienciación sobre a importancia de protexer o sistema dunar da praia de Covas

O Concello pon en valor os traballos de rexeneración que están en marcha e lembra a necesidade de respectar as dunas para favorecer a súa recuperación.

Viveiro, 5 de xuño de 2026. O Concello de Viveiro quere aproveitar a celebración, hoxe, do Día Mundial do Medio Ambiente para poñer en valor a importancia da conservación do sistema dunar da praia de Covas, onde nestes momentos se están a desenvolver traballos de rexeneración orientados á súa recuperación e protección.

As dunas compren unha función esencial no equilibrio natural das praias e a súa conservación resulta fundamental para preservar o litoral. Neste sentido, o executivo municipal lembra que calquera proceso de recuperación dunar require tempo, respecto polo espazo e colaboración cidadá para que os traballos realizados poidan dar resultado e non se vexan alterados.

O goberno local fai fincapé en que a protección das dunas non responde só a unha actuación puntual, senón a unha aposta clara pola conservación do medio natural e pola compatibilidade entre o uso social da praia e o respecto aos seus valores ambientais. Por iso, en coincidencia co Día do Medio Ambiente, o Concello considera importante insistir na necesidade de coidar estas zonas de xeito especial e de evitar comportamentos que poidan danar a súa vexetación ou dificultar a súa rexeneración.

Entre as recomendacións básicas para contribuír á conservación deste espazo figuran empregar sempre os accesos habilitados, non camiñar sobre as dunas, respectar as plantas e animais da praia e facer un uso responsable dos servizos e dos espazos públicos. O decálogo mariño difundido para sensibilizar sobre o coidado do litoral lembra tamén a importancia de utilizar as papeleiras de recollida selectiva ou levar o lixo á casa, non levar cunchas nin pedras da praia e aforrar a auga.

O Concello de Viveiro anima á veciñanza e aos usuarios da praia de Covas a colaborar activamente na protección deste espazo, con respecto aos traballos de rexeneración e asumindo que a conservación das dunas é unha responsabilidade compartida. A recuperación do sistema dunar é unha tarefa necesaria para preservar un dos principais valores naturais do litoral viveirense.

Desde o Concello incídese en que a mellor maneira de celebrar o Día do Medio Ambiente é actuar con responsabilidade e contribuír, entre todos, a conservar o patrimonio natural do municipio para o presente e para o futuro.