Viveiro renova a dotación de máquinas no ximnasio da piscina municipal

  • Investíronse 55.336,69 euros na instalación de novo equipamento deportivo, aínda que non obtivo apoio adicional para completar o ximnasio co resto de máquinas e o novo chan.

Viveiro, 14 de outubro de 2025. A obra de dotación e equipamento da sala de musculación e cardio da piscina municipal, situada na rúa Chitona, está rematada. A actuación permitiu instalar novo material deportivo por un importe total de 55.336,69 euros cos obxectivos de mellorar o servizo que se presta aos usuarios e modernizar o espazo.

O novo equipamento inclúe unha máquina ponte de poleas multifunción con catro estacións, unha máquina de abductores e aductores dual, unha máquina de dorsais en polea diverxente, unha de deltoides posterior e contractor pectoral, outra de deltoides con elevación lateral, unha máquina de press-peito e ombreiros dual, unha de hipthrust ou de empuxe de cadeira, outra de bíceps e tríceps dual e unha máquina de torso rotatoria. Tamén se incorporaron equipos de cardio: unha bicicleta de aire tipo HIIT, unha cinta de correr, unha elíptica e dúas bicicletas de ciclo indoor.

A alcaldesa Mariña Gueimunde quixo agradecer á Deputación a axuda para actualizar as instalacións municipais e explicou que «sacamos o proxecto a licitación por arredor de 40.000 euros e finalmente adxudicouse por uns 20.000 nunha subvención concedida pola Deputación. Solicitamos a diferenza por ese mesmo concepto para completar o ximnasio coas máquinas restantes e o novo chan, pero denegáronnolo. É unha mágoa, porque o resultado final sería aínda mellor».