Viveiro, 11 de decembro de 2025. A Praza Maior e outros espazos de Viveiro serán escenario, os días 11 e 12 de decembro, da rodaxe dunha comedia coral titulada provisionalmente «Viveiro non é un soño, existe». O proxecto rende homenaxe á xente do Concello, á súa historia e ao carácter propio da vila.
O xoves 11, a partir das 11.00 horas, realizaranse os ensaios das escenas colectivas. A rodaxe terá lugar o venres 12, tamén desde as 11.00 horas.
A veciñanza está convidada a participar como figurante, sen precisarse experiencia previa. Procurarase crear ambiente e dar presenza real á cidadanía nas escenas filmadas na Praza Maior e arredores, co obxectivo de lograr unha película máis viva, humana e representativa da identidade local.